lunes, 10 de marzo de 2014

A panadeira de Ingres

                    A Dios e a Perla

A esa hora
séntese un corpo
feito de trapos vellos
con cotras de pigmentos,
palabras fanadas,
mans blasfemas,
cinzas de labaradas, decantacións,
sucos lacrimosos de cera,
o restroballo oleoso da poda de sombras,
o motín das cousas desprezadas,
as culpas amoreadas nas esquinas,
a escoura de trazos,
o intre tóxico, o sublime aleixoado,
o místico veleno,
a luz resentida no xacemento de espirais,
a empadumada do chan,
unha chaira de vento insomne,
ánimas dos morcegos nas pugas dos arames,
ovellas a roer o coiro das herbas,
a enigmática organización da néboa,
o malestar petrificado do destino,
o renxer da aurora florentina
na fiestra do estudio.
Á fin, Jean Ingres cede. Atrévese. Tensa o tremor.
Pinta as costas máis belas da historia dos corpos nus.
As de Margherita, filla do panadeiro Francesco Luti.
En 1518, Rafael Sanzio
disponse a agarimar aquela curva
e ela, a Fornarina,
sentada no regazo do pintor e amante,
olla a Ingres cun resplandor irónico de esposa,
ano de 1814.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:
Manuel Rivas e César Morán*: A panadeira de Ingres; A desaparición da neve; 2009; Pista 5



*[A imaxen correspóndese coa portada da obra da editorial Alfaguara, non coa carátula do CD]

No hay comentarios :

Publicar un comentario