viernes, 3 de octubre de 2014

García Lorca

¿A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Viznar.

O dazanove de agosto
chegóu a morte a Viznar.
Entróu vestida de ialba,
pro a ialba nunca virá.

A noite envolta en farrapos
comezóu a disparar
relampos diante da ialba
pro a ialba nunca virá.

Levaron a Federico
camiño do máis alá.
Os galos ventan a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Cerrollos de aceiro frío
brilaron na escuridá.
Mentiron luces de ialba,
pro a ialba nunca virá.

Longo túnel de silencio
atravesóu a cidá.
Granada pedíu a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Murallas de pedra e sombra
coutaron a libertá.
O pobo recrama a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Sangue de estrada e cuneta,
pro a ialba nunca virá.
Berros de anguria e carraxe,
pro a ialba nunca virá.

¿A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Viznar,
dime que ialba virá,
dime que virá.

Celso Emilio Ferreiro: O libro dos homenaxes (1979)

Versións:
Suso Vaamonde e Verbas Xeitosas: Romance de cego in memoriam de Federico García Lorca; Limoeiro. Primeiro cabodano (VVAA); 1979; Pista 10



A Quenlla: Canto de cego a Federico García Lorca; Os tempos inda non, non son chegados; 1986; Pista 16



A Quenlla: Canto de cego a Federico García Lorca; As nosas cancións, vol.2; 1998; Pista 15

(Reedición da versión do disco Os tempos inda non, non son chegados, do ano 1979)




A Quenlla: García Lorca; Na boca unha cantiga; 2009; Pista 12

(Reedición da versión do disco Os tempos inda non, non son chegados, do ano 1979)

No hay comentarios :

Publicar un comentario