jueves, 10 de marzo de 2016

María Balteira

María Balteira,
señora do sol,
onde van os tempos
de arelas de amor.
Onde van os tempos,
u-los días son
dos pinchacarneiros
nos prados en flor.


Señora do amor vilao,
dona de praza maior,
u-la zanfona do tempo
de señardosa canción.

Señora do tempo ido,
saudade de trobador,
u-la viola do canto
que soaba no solpor.

Señora da saia leda
e do refaixo garzón,
u-las gaitas cantadoras
de bailar arroutador.


Señora do ollo riseiro
e do peito saltador,
u-los axóuxeres loucos
que despertaban o albor.

Señora percorredora
dos camiños da nación,
ulas as harpas bringuelas
coma paxaros de amor.


Señora das romarías
desde o Ribeiro a Ferrol,
u-los pandeiros do ritmo
que enchía o teu corazón.

Señora desvergonzada,
digna de todo louvor,
u-los reis e cabaleiros
que andaban ó teu redor.


Señora mariamandicas
ou demoño enredador,
ulos os viños de antano
que che subían a cor.

Señora do corpo quente
coma de lume feroz,
ulas as túas brinquetas
su abelaneiras en flor.

María Balteira,
señora do sol,
onde van os tempos
de arelas de amor.
Onde van os tempos,
u-los días son
dos pinchacarneiros
nos prados en flor.


Os camiños dos xograres
xa son camiños de dor,
e non resoa nas feiras
a túa leda canción.


Xa non se escoitan na terra
as coplas do seu louvor,
e os amenceres son tristes,
e harpas non hai no solpor.


A pedra fría te cobre
no último soño traidor,
e talvez sobre ti medra
malva de triste color.


Os teus amigos son cinza
e o teu sorrir é remol,
os teus camiños cegaron
e os teus amores son po.


Pasou o tempo da gloria
de Compostela ou do sol
que estraba raios de lume
da Mariña ó Val Miñor.

Mais a túa lingua de carne
pervive na nosa voz,
e algún día escoitaremos
o cantar do reiseñor.


Paxaro que canta á noite
antes que saia lo albor
cantigas de tempo novo
pra unha Compostela en flor.


María Balteira,
señora do amor,
han chegar os tempos
do abrente do sol.

María Balteira,
os tempos que son
dos pinchacarneiros
nos prados en flor.


Darío Xohán Cabana: Pedras de gozo e pranto (1979-1981) (1981)

Versións:
A Quenlla: María Balteira; Os tempos ainda non, non son chegados; 1986; Pista 11



A Quenlla: María Balteira; As nosas cancións, Vol.2; Pista 10

(Reedición da versión do disco Os tempos inda non, non son chegados, do ano 1986.)




A Quenlla: María Balteira; Na boca unha cantiga; 2009; Pista 2

(Reedición da versión do disco Os tempos inda non, non son chegados, do ano 1986.)

No hay comentarios :

Publicar un comentario