lunes, 14 de agosto de 2017

A canción do pirata

                        Mi única patria la mar.
                                ESPRONCEDA

Sería propicio beixarte cara o fusco-lusco
pero eles xa veñen, xa veñen,
e na súa revolución non hai atardeceres.

O frenesí da producción será lei
e nen sequera os fillos
ou as árbores estarán a salvo.
A familia será sacrificada pola industria
e perecerá o amor.

Están aí.
Construindo unha revolución sen bandeiras,
sen cancións, sen mártires, sen gloria.
Son a mais refinada expresion do cinismo.
Os seus labios para a política.
O seu corazón para a codicia.
Xornalistas, rectores, mercaderes…
Ata aquela ausencia de visión da realidade
que poseía o exército se ve contaxiada
por este insufrible discurso da estupidez.

Están aí.
Non queimarán os meus libros,
nen proibirán que se lean,
só alimentarán a indiferencia do leitor.
Ignorarán e será o seu triunfo,
e será tamén o triunfo da medianía.

Están aí. Agora cando atardece, están aí.
E eu beixareite,
e a eles comeraos a raiba,
e patexarán contra un imposible.
Non saben que a honra non ten forma,
que non se domina.

Están aí.
A min dáme a risa.
Estoute desexando
e sinto que a súa revolución non me alcanzará.
Porque a norte carece de significado
cando se sirve á causa da nenez,
cando o amor é unha querencia
que só a dinastía da razón
outorga aos espíritus sensibles,
como o lóstrego que iluminou a toma de Maracaibo
polos primeiros comunistas.
¡Á vosa saúde, Irmáns da Costa!,
¡Piratería nobre!

Lino Braxe: A caricia da serpe (1999)

Versións:
A caricia da serpe: A canción do pirata; A caricia da serpe; 2005; Pista 4

No hay comentarios :

Publicar un comentario