miércoles, 25 de octubre de 2017

Gumersindo

Dúas veces emigrante fracasado.
Cinco fillos. Caseiro.
Tal era o Gumersindo,
home alegre e sinxelo
que lle poñía sempre cara boa
ó seu mal tempo.
Cada noite viámolo
naquel chabolo de casqueiros
tras do serradoiro
onde exercía de sereno.
Moi acarón do lume,
temperando o inverno,
contaba, contábanos historias
de meigas e de mecos,
de ananos e pantasmas
e velenos.
Riamos a cachón
co seu enxeño,
coa súa arte de esquecer a fame,
de fuxir do tedio.
Así a vida enteira
co sorriso nos beizos.
Tras del por Gres adiante
vou e veño,
non me afago, non acabo de afacerme
ó silencio
do vello Gumersindo, que se foi
polo fatal carreiro.

Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)

Versións:
Manoele de Felisa: Gumersindo; Cantos de lembranza; 2014; Pista 6

No hay comentarios :

Publicar un comentario