miércoles, 8 de noviembre de 2017

O retorno

                                A Lois Pereiro

En Itaca estaban todos mortos.
Dis que fun eu, Argos, o can, o primeiro en espertar:
—Dead, dead, dead!
Un cheiro máis forte que o do esterco,
o do home vivo,
foi o que me fixo vomitar os despoxos celestes,
os ósos das nubes,
os coiros do arco iris.
Aquel home que fedía a lenda,
con acenos de esqueleto incómodo
e espectro irado,
fendeu as unllas na cicatriz
e untou as sombras de lama das palabras.
Alí estaban os nosos nomes todos.
Tamén a memoria certeira das árbores
na horta de Laertes.
Medio cento de ringleiras de vides,
as trece pereiras,
as dez maceiras,
as corenta figueiras.
O vello cego viu, á fin, o fillo coa álxebra da terra.
Despois Odiseo
foinos espertando un a un
e as nosas bágoas son, dende entón,
o visgo que apreixa a luz
cunha violenta felicidade.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:
Manuel Rivas e Pulpiño Viascón: O retorno; A desaparición da neve; 2009; Pista 6

No hay comentarios :

Publicar un comentario