domingo, 18 de febrero de 2018

Oes chegar Ángel González?

                      Unha palabra e a seguinte déronme a terceira
                                                            EDDA MAYOR

O 11 de maio chegará ás praias
a primeira palabra
coas súas pisadas de nube con zancas.
Será levada polas tres mil tabernas
e tres librarías do Antigo Reino.
Será levada en vilo, aleluia,
e pasará o vao do río, aleluia,
alí onde sucumben
os árbitros de fútbol
e os oradores demasiado sobrios.
A segunda palabra
recibirémola dende o interior
e a aldraba no limiar
soará como o corazón dun xinete
cinguido aos ósos
cunha nobreza de briosa melancolía.
Traerá das asas
a maquinaria memorial do feitizo
coas súas teclas de carpíns brancos.
Ti, agora, deberías dicir a seguinte palabra.
Tela na punta da lingua.
Só co seu alento
prenderá un fósforo
e a lonxitude da flama
será a da túa vibración.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:
Manuel Rivas: ¿Oyes llegar a Ángel González?; A desaparición da neve; 2009; Pista 11

No hay comentarios :

Publicar un comentario